Xa quedan poucas horas para o esperado cambio de estación. Pasaremos do inverno á primavera, que boa falta fai porque xa estamos un pouco cansos do frio e da choiva.
O compositor que mellor reflectiu as sensacións que se viven nas diferentes estacións do ano foi o supercoñecido e archifamoso Antonio Vivaldi, co que xa traballamos ao principio de curso cando chegou o outono.
Lembrade que a súa obra máis famosa é "As catro estacións".
Meterémonos de cheo no 1º movemento da "Primavera" e gozaremos coa música de Vivaldi.
Empezaremos vendo diferentes vídeos para familiarizarnos coa obra.
E agora veremos unha versión rockera da obra de Vivaldi. TODOS A CANTAR E A BAILAR!
Durante este curso estou levando a cabo algunhas estruturas de aprendizaxe cooperativa.
Estas dinámicas de traballo favorecen a interacción positiva entre os alumnos xa que deben traballar xuntos, axudarse entre eles e aprender uns dos outros
En este segundo trimestre os alumnos de 5º e 6º estiveron facendo ditados rítmicos utilizando a estrutura de "folio xiratorio".
O alumnado está distribuido en grupos e dentro de cada grupo cada alumno ten que escribir un compás cunhas determinadas características. Os demais membros do grupo deben dicir se o compás é correcto e por tanto pode escribirse no folio do equipo. Mentres tanto o folio non poderá pasar ao seguinte membro do grupo. Cando os equipos rematan cada alumno debe ditar o compás que escribeu aos compañeiros dos outros grupos.
Durante esta semana os nenos de 1º achegáronse á linguaxe musical convencional cun xogo no pentagrama do chan.
O xigantesco pentagrama que ocupa á aula de música converteuse nun circuito con obstáculos que os nenos tiñan que superar para chegar dende a "saída" ata a "meta".
Tiveron que andar, brincar, correr, reptar, e ata saltar á pata coxa entre liñas e espazos para conseguir o seu obxectivo.
Está claro que despois de facer o xogo todos os nenos móvense entre as 5 liñas e os 4 espazos do pentagrama como se estiveran na súa casa.
O premio, se conseguían chegar a meta, era tocar unha improvisación utilizando o metalófono contralto, e todos o fixeron moi ben.