domingo, 24 de abril de 2016

15 PRIMAVERAS!!!

O concerto de "Mamá Cabra" foi fantástico!

VEXAMOS UNHAS FOTOS!!!



miércoles, 13 de abril de 2016

O MEU BARCO

Traballaremos co poema de Manuel María "O MEU BARCO" que cantaredes e tocaredes coa frauta.

Se clicades no debuxo accederedes ao post que publiquei fai algúns anos.






O CARRO

Seguimos traballando cos poemas de Manuel María e agora cantaredes e tocaredes "O CARRO".

Clicade no debuxo para acceder ao post que publiquei o curso pasado.




martes, 12 de abril de 2016

MAMÁ CABRA. 15 PRIMAVERAS


O xoves da vindeira semana os alumnos de Educación Infantil asistiredes a un divertido concerto do grupo MAMÁ CABRA.

Como o grupo cumpre 15 anos presentan un espectáculo titulado "15 PRIMAVERAS" co que  queren agasallar a todos os nenos e aos que non son tan nenos.





















domingo, 10 de abril de 2016

O LUME NOVO

Seguimos traballando cos poemas de Manuel María publicados no libro "Os soños na gaiola".

"O lume novo" lévanos a unha festa ancestral, a noite de San Xoán, que coincide co solsticio de verán.

Esta festa é unha das máis populares en Galicia e leva asociados unha serie de rituais de caracter máxico ou supersticioso. Un deles son as fogueiras ou cacharelas que se prenden na tarde-noite do día 23 e arden mentres que os veciños comen, beben, cantan e bailan ó redor delas ou ben as saltan para quitar o meigallo.

Tamén existía o costume de afumar o gando na noite de San Xoán para protexelo do meigallo. Para iso fan andar ó gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume, ou ben cando so queda o borrallo fan que o gando o pise.

Manuel María neste poema recolle estes ritos. Aquí vos deixo a letra e se clicades na fogueira podedes escoitar a canción.


Hoxe é o lume novo,
noite de San Xoán.
As ledas fogueiras
acesas están! (BIS) (ESTRIBILLO)

Que gusto, rapaces,
saltar as fogueiras,
dar brincos, rebrincos
e pinchacarneiras!

        ESTRIBILLO

Que gusto, rapaces,
correr e saltar,
dar brincos e pulos,
volver a brincar.

        ESTRIBILLO

Que gusto, que ben
saltar as fogueiras
coas chamas subindo,
medrando lixeiras. 

        ESTRIBILLO

Á mañá, o borrallo
terase apagado.
E sobre el despacio,
pasará o gado!

        ESTRIBILLO

Pasará o gado
tripando o borrallo
para que non o pille
o mal do meigallo!

        ESTRIBILLO
 



domingo, 3 de abril de 2016

A RODA RODA

Manuel María no seu libro "Os soños na gaiola" quixo escribir os poemas que botou de menos cando era neno,  nel decidiu versionar un dos xogos infantís máis populares no mundo enteiro, a roda roda. 

Clicade no debuxo para aprender a canción.


sábado, 2 de abril de 2016

O CARACOL

"O caracol" é un dos poemas de Manuel María que atopamos no seu libro "Os soños na gaiola".

Déixovos o poema e se clicades no debuxo do caracol escoitaredes a canción feita por Suso Vaamonde.


Caracol, col, col;
caracol, caracoleiro
pon os teus cornos ó sol
xa que eres tan frioleiro!

Ó lombo levas a casa
caracol, caracoleiro;
e deixas cintas de seda
engalanando o carreiro!

Caracol, col, col;
caracol, caracoleiro
pon os teus cornos ó sol
xa que eres tan frioleiro!

Caracol, col, col;
caracol, caracolón,
pon os teus cornos ó sol
ó sol os teus cornos pon!

Caracol, col, col;
caracol, caracoleiro
pon os teus cornos ó sol
xa que eres tan frioleiro!


Ó lombo levas a casa
caracol, caracoleiro;
e deixas cintas de seda
engalanando o carreiro!

Caracol, col, col;
caracol, caracoleiro
pon os teus cornos ó sol
xa que eres tan frioleiro!

Caracol, col, col;
caracol, caracolón,
pon os teus cornos ó sol
ó sol os teus cornos pon!

Caracol, col, col;
caracol, caracoleiro
pon os teus cornos ó sol
xa que eres tan frioleiro!







domingo, 27 de marzo de 2016

COÑECENDO A MANUEL MARÍA!


A Real Academia Galega decidiu que o homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas fora o poeta Manuel María.

O poeta é autor dunha gran obra da que forman parte diferentes composicións para nenos, ademais moitos destes poemas foron convertidos en cancións por importantes artistas galegos.

Manuel María naceu en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e morreu na Coruña o 8 de setembro de 2004.

Se queredes visitar a casa onde naceu, que agora é a Casa Museo Manuel María, prestade atención ao seguinte vídeo.


Manuel María sempre loitou pola nosa lingua, por darlle importancia e porque fora amada e utilizada por todos os galegos.

Durante este trimestre ímonos mergullar no traballo de Manuel María, a través dos seus poemas, da man de diferentes músicos galegos.


martes, 15 de marzo de 2016

ESTAMOS NO VERÁN!!!



O xoves 31 de marzo os alumnos de 5º e 6º asistiredes a un espectáculo musical titulado "Estamos no verán".

Como temos as vacacións de Semana Santa polo medio, aquí vos deixo algúns vídeos para que vaiades entrando en materia.




















domingo, 6 de marzo de 2016

ASÍ FOI O CONCERTO!

O venres trasladámonos ao pasado na cidade de Pontevedra e puidemos coñecer a historia do tranvía Leonardo da man de diferentes personaxes que vivían por aquela época.

Foi un espectáculo moi divertido no que cantamos e tocamos ata nos fartar!



-