domingo, 17 de mayo de 2015

UN METRÓNOMO MOI ARTÍSTICO!

O luns 25 os alumnos de 6º acompañados de catro profes saímos con rumbo a Madrid.



Será unha viaxe chea de experiencias e haberá tempo para todo. Unha das visitas que faremos será ao "Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía" e alí veremos diferentes obras, unha das cales ten moita relación coa música. É unha escultura xigante dun metrónomo moi orixinal.


clicade na foto para ver a ficha da obra


Esta escultura é unha réplica xigante dunha obra de Man Ray, un artista estadounidense da época do surrealismo, que representa a un metrónomo no que na parte de arriba da súa varilla colocou un ollo.
Dependendo de onde esteamos colocados podemos ver o ollo aberto ou pechado.

A obra orixinal titulábase "Obxecto para ser destruido" e foi feita no ano 1923. Era un metrónomo de 26 cm no que puxo, na parte superior da varilla, un ollo. Cando a moza do autor o deixou este colocou no metrónomo unha fotografía do ollo dela e cambioulle o nome polo de "Obxecto de destrución". No ano 1957 un grupo de estudantes destruiron o metrónomo. No 1963 Man Ray fixo outro ao que lle puxo por nome "Obxecto indestructible" e está exposto no Museo de Arte Moderno de New York.



A ver quen o atopa antes cando esteamos no museo!!!

miércoles, 13 de mayo de 2015

AÍ VEN O MAIO...

Outro ano máis a construción do "MAIO" serviu para pasar un día moi divertido e para disfrutar dunhas coplas que cantaron moi ben os nenos de 5º e 6º.

Moitas grazas ás familias pola súa colaboración e a Laura, a fotógrafa do cole, que tamén fixo a gravación das coplas.


Xa chegou o mes de maio
todo fermoso e florido
e a o cole do Cruceiro
encheunos de colorido.

Para facer este maio
tivemos que recoller,
o fiuncho, os pampullos
e as laranxas tamén

Neste cole tan velliño
todos facemos o maio
e poñemos o fiuncho
con moitísimo coidado.

Os rapaces do Cruceiro
queren un novo colexio
piden ao goberno enteiro
que espabilen cos terreos.

Que din que non hai terreos,
que se non chegan os cartos
e o colexio do Cruceiro
estase caendo a cachos.

Seica xa non hai fondos
para semellante “obra”
que nos deixen unha “black”
anque so sexa unha hora.

Catalina prometeunos
un colexio ben noviño
pero ela está pendente
do caudal do río Miño.

Paseouse o conselleiro
a alcaldesa e Mari Paz,
só faltaba no Cruceiro
o pequeno Nicolás. 
Este ano no Cruceiro
imos ir todos guapiños
vannos poñer uniforme
para ir todos igualiños.

Non  é nada obrigatorio
poden vir como lles pete
soamente hai que facer
que uns a outros se respecten.

Nós seguimos estudando
neste cole “medieval”
todo cheo de buratos
que ninguén quere arranxar.

Este ano co Quixote
estamos a traballar
e as súas aventuras
todos imos a lembrar.

Necesitamos diñeiro
para o parque de atraccións
e se non o conseguimos
caemos en depresión.

A Madrid iremos xuntos
a finais deste mes,
se non chove e fai bo tempo
pasarémolo moi ben.

Este maio ben molou
e o tedes que admitir
coas rimas que fixemos
vos podedes divertir.






lunes, 4 de mayo de 2015

CELTIC ROOTS

Neste trimestre traballaremos en todo o colexio coa música tradicional galega. 

Os nenos de Infantil empezáchedes cun fantástico concerto de Magín Blanco que xa sei que vos encantou.

Agora imos retomar un tema que xa ten uns anos e que formou parte  dun proxecto educativo multidisciplinar que tivo como obxectivo afondar no coñecemento entre nenos de paises que comparten unha cultura atlántica común. 
Neste proxecto fusionáronse a música tradicional galega e irlandesa e colaboraron nel músicos de relevancia en Galicia e no Reino Unido.

Celtic Roots - The Anthem from Casa de Tolos, S.L. on Vimeo.


Cando Inzilbeth cumpriu 5 anos fixémoslle como agasallo dos nenos de Educación Infantil unha danza con este tema que agora aprenderedes vos. Eles bailaron moi ben e seguro que vos o facedes aínda mellor.

Ah, por certo, estes bailaríns aínda andan polo cole!!! COÑECEDES A ALGUÉN???





martes, 28 de abril de 2015

MUIÑEIRA CORRIDA

Aquí vos deixo a canción con pictogramas. Clicade en Felisa para escoitala.




O CONCERTO!!!

Aquí vos deixo unhas fotos do concerto que reflicten o ben que o pasamos todos. Clicade na foto da nena e o grilo e A CANTAR!!!


sábado, 25 de abril de 2015

NO PAÍS DAS APERTAS

Os nenos de 4 e 5 anos quixeron visitar o "País das apertas" e ao igual que a nena e o grilo puxeron todo o seu empeño en darse as apertas máis agarimosas do mundo.




miércoles, 15 de abril de 2015

O CARRO


Canción do emblemático grupo galego "Fuxan os ventos", que se creou en Lugo no ano 1972.

O seu compromiso coa cultura galega é patente en todas as súas obras, que levaron  por toda Europa. O repertorio inclinouse cara a música popular galega, recollendo cantigas tradicionais e incluindo temas de composición propia.
Asumiron coas súas composicións un forte compromiso social e de reivindicación do idioma e da cultura propia do pobo galego.

No ano 1989 o grupo deu o que supuxeron sería o seu derradeiro concerto, xa que o traballo que seguen a facer non é de cara ao público e só en contadas ocasións fan algunha actuación.

O seguinte vídeo pertence ao espectáculo "Terra de soños" posto en escea os días 18 e 19 de outubro de 2008 no auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.




Non canta na Chá ninguén,
por eso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta (BIS)

Non hai canto tan fermoso,
fino como un asubío,
anque  as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.

Non canta na Chá ninguén,
por eso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

O meu carro é cerna dura,
sábese carballo e freixo.
Que fermosa  a súa feitura!
Que lixereza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
Carrétame herba pra o gando!
Traeme a colleita pra casa!

Non canta na Chá ninguén,
por eso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta (BIS)


Aquí vos deixo a partitura para que a vaiades practicando.






domingo, 5 de abril de 2015

CONTO "A NENA E O GRILO NO PAÍS DAS APERTAS"

Espero que vos guste este conto sobre o concerto "A nena e o grilo no país das apertas".



Déixovos tamén unha bonita canción que escoitaremos no concerto! 

 Clicade no corazón para escoitala.


miércoles, 1 de abril de 2015

A NENA E O GRILO NO PAÍS DAS APERTAS

Neste mes os nenos de Educación Infantil asistiredes a un marabilloso espectáculo, "A nena e o grilo no país das apertas".

A min non me da chegado o día e para entreterme vou ver moitas veces os seguintes vídeos.

ANIMÁDEVOS TAMÉN!!!









FELIZ ANIVERSARIO!!!

Pronto celebraremos no cole o aniversario de alguén moi especial. Sabedes de quen falo?... Seguro que siiiii!!!

Aquí vos deixo unha versión da terra do tema que todos cantamos cando alguén está de aniversario, a partitura da canción para que vaiades practicando e outra versión protagonizada por simpáticos personaxes.